Novas

Máis novas

Ethel Vázquez explicoulles aos veciños de Melide o funcionamento do bus escolar compartido

14/09/2017. A conselleira e a alcaldesa de Melide mantiveron unha xuntanza cos veciños co fin darlles a coñecer o funcionamento deste novo servizo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, mantiveron onte un encontro cos veciños para explicarlles as vantaxes do transporte escolar compartido, que “é unha oportunidade para facilitar a mobilidade no rural galego e ofrecer máis e mellores servizos”, adiantaba a conselleira.

Vázquez Mourelle trasladoulles aos veciños de Melide que dispoñen de oito liñas de transporte escolar compartido, nos tres CEIP existentes e tamén no IES, sendo este o 3º concello da provincia da Coruña con máis rutas compartidas. Xa están funcionando cinco, as correspondentes aos centros de infantil e primaria, onde se iniciou o curso este luns e outras tres, que van ao IES, poranse en marcha este venres, cando comeza o curso escolar nos centros de secundaria.

A responsable de Infraestruturas puxo como exemplo que hai unha liña compartida que vén desde a zona noroeste do concello, de Golán, ata o IES e continúa logo ata o centro de Melide, posibilitando que a xente das parroquias polas que pasa esta ruta escolar teñan un autobús que os leva ata Melide á primeira hora da mañá e de volta ás súas casas arredor das dúas e cuarto da tarde. Ademais, tamén hai un servizo de tarde os luns e os mércores, con ida cara Melide sobre as 15,30 horas e volta a partir das 18,00 horas.

A alcaldesa de Melide Dalia García, acolleu como unha iniciativa moi ventaxosa esta iniciativa “xa que axudará a mellorar as comunicacións co rural melidense e a zona urbana, permitindo aos veciños e veciñas das zonas máis afastadas achegarse a Melide todos os días da semana”.

PRIORIDADE PARA O ALUMNADO

Con esta modalidade os alumnos teñen blindada a atención ás súas necesidades, porque os nenos son o primeiro, manténdose intactos os horarios, as paradas e os itinerarios de transporte escolar. Este sistema tamén permite empregar as prazas vacantes existentes, ofrecendo máis facilidades aos veciños e incrementando as súas posibilidades de desprazamento desde as distintas parroquias e aldeas ata o centro urbano, onde se concentran servizos e equipamentos.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp