Novas

Máis novas

Melide promocionará os seus doces tradicionais no Fórum Gastronómico

07/03/2019. O Concello de Melide tamén terá presenza no Forum Gastronómico cun stand no que haberá degustación e venda de produto, o sorteo dunha estancia en Melide durante a Festa do Melindre, e unha actividade de debuxo para os máis cativos

MELIDE 7 de marzo de 2019.- Concello de Melide promocionará os doces típicos da repostaría tradicional da vila: melindres, ricos e amendoados no Forum Gastronómico da Coruña que se celebrará do 10 ao 12 de marzo na cidade herculina.

O día grande do evento, o domingo 10 de marzo,  a respostaría tradicional e a Festa do Melindre serán protagonistas coa impartición dun obradoiro sobre os doces típicos de Melide.

A actividade, que terá lugar no Espazo Ágora do recinto de ExpoCoruña de 16 a 17 horas e será impartida por Alberto Rodríguez, mestre reposteiro e presidente da asociación Melide Terra Doce; pretende poñer en valor un facer totalmente artesá e que pasou de xeración en xeración a través dos fornos da vila, mantendo intactas as receitas dos melindres, dos amendoados e sobre todo dos ricos, que só se elaboran en Melide.

Deste xeito, os asistentes ao obradoiro do Espazo Ágora poderán coñecer de primeira man os tres doces melidenses e as materias primas coas que se elaboran, tocando as diferentes masas tanto en cru como xa cocidas, e incluso participando nos baños de azucre, completado así o proceso completo de elaboración dos melindres, os ricos e os amendoados. A actividade pecharase cunha cata dos 3 doces tradicionais, acompañada das explicación do mestre artesán Román Varela, da Pastelería Trisquel.

Pero máis aló deste obradoiro, o Concello de Melide promocionará a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional cun stand propio, situado no espazo 150 do pavillón principal, e onde haberá degustación e venda dos doces tradicionais a través das casas reposteiras que conforman a asociación Melide Terra Doce: Casa Melchora, Pastelería Estilo, Panadería Tahona e Pastelería Trisquel.

Ademais, durante os tres días do evento estará dispoñible no stand un photocall moi especial: as persoas que se saquen nel unha fotografía e a suban ao seu Instagram utilizando o hashtag #festadomelindre19, entrarán no sorteo dunha estancia en Melide para dúas persoas durante a celebración da vindeira edición da Festa do Melindre, que este 2019 terá lugar os días 11 e 12 de maio. Tamén haberá actividades para os máis cativos, que poderán colorear diferentes ilustracións sobre a festa a cambio dun agasallo sorpresa.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp