Novas

Máis novas

Preséntase o proxecto básico do novo centro de saúde en Melide

19/10/2018. A alcaldesa de Melide, Dalia García, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, xunto con outros membros do Sergas, presentaron o proxecto do novo centro de saúde. A Xunta investirá no novo edificio máis de dous millóns de euros

MELIDE 19 de outubro de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, xunto con conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, membros do Sergas de diferentes departamento xunto cos arquitectos responsables da obra, presentaron en Melide o proxecto do novo edificio do centro de saúde que será unha realidade na vila. Os participantes neste acto, tiveron a posibilidade de visitar os terreos onde se situará esta nova infraestrutura sanitaria do Sergas.

A nova infraestrutura sanitaria da rede pública galega, que incluirá tamén o Punto de Atención Continuada (PAC), construirase nunha parcela cedida polo Concello de Melide de 4.968,50 m2. O novo centro de saúde situarase moi próximo ao actual e agrupará todos os servizos sanitarios nun só edificio, sendo a súa superficie construída de 1.928,20 m2, o que representa un incremento do 60,69% respecto da superficie do actual centro de saúde, que dispón de 1.200 m2.

UN EDIFICIO MODERNO E DE PLANTA BAIXA

O novo edificio conta cun deseño atractivo e moderno, con moita luz e desenvolverase nunha única planta para favorecer a accesibilidade a todos os seus puntos. Estará estruturado en catro áreas diferenciadas: a de medicina xeral e servizos comúns; a de pediatría; a de fisioterapia e o Punto de Atención Continuada (PAC).

O plan funcional do futuro centro de saúde melidense contempla 5 consultas de medicina de familia e 5 de enfermería, 1 de pediatría e 1 de enfermería pediátrica, 1 sala de toma de mostras, 1 consulta de farmacia, 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, consulta de odontólogo e de hixienista e unha zona de fisioterapia que conta cunha ampla sala para ximnasio, ademais da consulta, cabinas de tratamento e sala de espera. Asemade contará con esperas, sala de xuntas, e estar do persoal, aseos, recepción, arquivos, almacéns, entre outros espazos.

Finalmente, o PAC disporá dunha consulta de medicina e unha consulta de enfermería, sala de reanimación-observación, recepción, aseos, vestiarios, esperas, tres dormitorios e sala de estar do persoal.

O concello de Melide ten, na actualidade, 7.025 tarxetas sanitarias, das que 798 son pacientes en idade pediátrica. Mentres que as Urxencias Extrahospitalarias dan cobertura a 9.600 pacientes dos concellos de Melide, Toques e Santiso, sendo a media diaria de 26 atencións.

A construción deste no novo centro de saúde suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada as súas necesidades, dando unha mellor resposta a atención sanitaria da cidadanía do concello de Melide e da súa contorna.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp