Novas

Máis novas

Arranca a primeira edición do Cazatapas Terra de Melide

13/04/2018. O concurso de Cazatapas poñerá en valor a carne de caza que cociñarán os hostaleiros de Melide en forma de tapas, pequenos petiscos para o padal que farán gozar a todos os participantes ademais de ter a posibilidade de gañar diferentes premios

MELIDE 13 de abril de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, acompañada de Antonio Méndez, principal organizador das probas internacionais de rastro de caza e de José Manuel García, persoa encargada de poñer o concurso de Cazatapas en marcha e Laura Barreiro, representando a hostalería de Melide presentaron durante a mañá de hoxe unha noviodosa iniciativa.  Trátase dun concurso de tapas que terá como o seu principal protagonista a carne de caza que presentarán os hostaleiros de maneiras diferentes, a creatividade e a imaxinación, serán as súas ferramentas.

Durante dous fins de semana serán dezasete establecementos de Melide os que participen nesta primeira edición do “ Cazatapas Terra de Melide”, onde elaborarán as mellores propostas da cociña de caza en formato tapa. Este concurso ponse en marcha en conxunto coas probas internacionais de rastro de cans de caza que se celebraron a pasada fin de semana e que terán continuidade en Melide a seguinte.

Dalia García, alcaldesa de Melide, convidaba a todos os veciños e veciñas e tamén visitantes a gozar desta iniciativa “que permitirá coñecer outros sabores con produtos da caza que non adoitan ser tan frecuentes como outros que degustamos máis habitualmente”. “Melide ofrece esta fin de semana moitas alternativas, a pasarela de moda, a proxección do documental das empresas e esta ruta de tapas, continuando co dinamismo que caracteriza a nosa vila”.

Pola súa banda, Antonio Méndez, principal organizador das probas internacionais de rastro de cans  Terra de Melide e persoa impulsora para poñer en marcha o Cazatapas, facía especial fincapé “no aspecto gastronómico da da caza, non só no cinexético. Proba delo é esta ruta de tapas que comezou como unha pequena idea e que este fin de semana vai se runha realidade”.

Durante a rolda de prensa, José Manuel García, contaba a súa experiencia para a organización deste evento, agardando que se consolide no calendario dos eventos melidenses e que sexa unha referencia para o interior de Galicia.

 

O concurso que comeza hoxe levarase a cabo durante esta fin de semana e a seguinte( 20,21,22 de abril), cos seguintes horarios: os venres de 20h a 22h, os sábados de 12.30h a 14.30h e de 20h a 22h e os domingos de 12.30h a 14.30h.

O prezo da tapa será de 1,50 euros. O público contará cunhas papeletas nas que poderán votar a tapa e depositala na caixa de correos que hai en cada un dos locais. Poderán cubrir unha papeleta por cada tapa consumida. Estas papeletas optarán por sorteo aos premios cedidos polas entidades colaboradoras.

Tamén se atoparán nos locais participantes, pasaportes. Os que cubran o pasaporte completo con todos os locais, deberán depositalo en calquera das caixas de correos dos locais participantes e optarán a premios de maior valía.

Por último, haberá tamén un premio para a persoa máis activa nas redes sociais compartindo contido do concurso e as súas fotos co hagstag  #cazatapasmelide.

PREMIOS PARA OS PARTICIPANTES

Aquelas persoas que non completen o pasaporte e que si proben as tapas e cubran as papeletas dos diferentes establecementos poderán optar a unha visita á Adega ponche da Boga ou o seu valor en viño, dous lotes de DOP Arzúa-Ulloa, un circuito termal no Hotel Balneario Río Pambre, dúas botellas de Augardente da Fada de Viña Branca do Salnés.

Para as persoas que percorran todos os establecementos e que completen os seus pasaportes sortearanse tres entradas sobres para o evento deportivo a elixir entre o Deportivo, Celta ou o Obradoiro e tamén unha noite para dúas persoas no Pazo de Eidián.

Para a persoa máis activida nas redes sociais tamén haberá premio: unha noite con almorzo no Hostal A Viúva de Pobra de Trives.

XURADO PROFESIONAL

Ademais das votacións do público tamén un xurado profesional xulgará as tapas dos establecementos de Melide. Estará composto por persoas profesionais das redes sociais e bloggers gastronómicos: Víctor Blanco, Pepe Oliveira, Emilio Vila e Xoanqui Ameixeiras, xunto con José Manuel García, encargado de poñer en marcha o concurso en Melide e xornalistas gastronómico de gran renome en Galicia.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp