Novas

Máis novas

A conselleira de Medio Rural anima a aproveitar as oportunidades do rural no IES de Melide

14/03/2018. A conselleira impartiu unha charla no IES da vila e pediulles aos alumnos que se impliquen a través da formación na tarefa de consolidar “o noso rural como referente de calidade e bo facer”. Participaron preto dun centenar de alumnos

MELIDE 14 de marzo de 2018.- “Galicia non se entende sen o rural porque, entre outras razóns, o 97,8% dos concellos da nosa comunidade defínense como rurais”, así o destacou a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia,  Ángeles Vázquez na charla que pronunciou esta mañá diante duns 85 alumnos de ESO do Instituto de Ensino Secundario (IES) de Melide. A titular de Medio Rural animou a estes mozos a aproveitar as oportunidades que lles ofrece o agro galego para vivir e traballar, sempre dende a base da formación. “Unha formación clave para a especialización e a profesionalización do noso agro”, sinalou a conselleira.

Ángeles Vázquez fixo unha descrición da realidade do medio rural galego e as súas perspectivas de futuro. Así, comezou explicando a importancia de instrumentos coma o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galicia, que está dotado cun orzamento de máis de 1.186 millóns de euros e no que participan a Unión Europea, a Administración do Estado e a propia Xunta.

Ángeles Vázquez salientou ademais o potencial dos nosos sectores gandeiro, agrícola e forestal. Así, en relación con este último, lembrou que Galicia conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal, sendo a novena potencia europea neste eido e a primeira comunidade española en canto a cortas de madeira.

Con respecto á gandaría, dixo que “podemos presumir de achegar preto do 40% da produción láctea nacional, que a facturación dos nosos gandeiros superou en 2017 os 814 millóns de euros e que este sector xera arredor de 1.400 empregos directos na nosa comunidade”. Incidiu, así mesmo, na relevancia doutros ámbitos, coma os da carne de vacún, o avícola, cunícola ou porcino e falou da calidade das nosas producións agrolimentarias, lembrando que contamos con ata 30 denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

Finalmente, tras repasar producións como as castañas, os kiwis, a planta ornamental e outros cultivos, caso dos arandos, amorodos, aguacates e mesmo insectos, a conselleira repasou as achegas para incorporación de mozos ao rural, destacando que só nas convocatorias de 2016 e 2017 aprobáronse un total de 1.083 expedientes de axuda para apoiar a necesaria remuda xeracional no agro galego.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp