Novas

Máis novas

A edición de inverno do Mercamelide celebrarase o 17 e 18 de febreiro

25/01/2018. - Os comerciantes interesados en participar teñen que comunicalo en Asetem ou ao Concello de Melide antes do 5 de febreiro

MELIDE 25 de xaneiro 2018.- A Feira de Oportunidades do Comercio Melidense, Mercamelide celebrará a súa vindeira edición os proximos 17 e 18 de febreiro. Son as datas elixidas para dar paso a unha nova edición da feira de oportunidades na que os establecementos melidenses poñerán á venda os seus stocks da temporada de outono/inverno. Mercamelide chega a súa edición número 21 e seguirá sendo a mellor oportunidade para facer negocio redondo en base á calidade e prezo reducido, as dúas características definitorias desta feira de saldos xa consolidada no almanaque comercial e distintiva do comercio melidense.

A feira está organizada polo Concello de Melide e a Asociación de Empresarios da vila, ASETEM, que mantiveron unha xuntanza no día de onte xunto con comerciantes para concretar cales serían as datas da vindeira edición. A cita será como é habitual durante os dous días da fin de semana elixida de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións, onde a instalación se converte nun outlet baixo teito, nun centro comercial das rebaixas e das ofertas, xa non só  pola variedade de artigos a baixo prezo que se poden atopar, senón tamén pola oferta de ocio complementario e polo amplo horario de apertura, que en edicións anteriores era dende ás 11h da mañá e ata ás 20h da tarde.

Na pasada edición do Mercamelide de verán celebrada en agosto, participaron máis de 20 establecementos con variedade de produtos. Os comercios interesados en participar na edición do 17 e 18 de febreiro, teñen que poñerse en contacto co Concello de Melide no teléfono 981 50 50 03 ou ben coa Asociación de Empresarios da Terra de Melide, Asetem CC, no teléfono 981 50 61 88. O prazo para inscribirse remata o luns 5 de febreiro. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp