Concello de Melide

INSCRICIÓNS NO CONCELLO

Melide amplía ata o 20 de febreiro o prazo para participar no programa de compostaxe caseira

02/01/2010
O  concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Prado, destacou a gran demanda que están tendo os composteiros para facer a reciclaxe de xeito doméstico.
O Concello de Melide iniciou o pasado 12 de novembro un programa de compostaxe caseira que botou a andar cunhas charlas divulgativas sobre a importancia de que cadaquén xestione nas súas casa os seus propios residuos orgánicos, sempre que sexa posible. Esta xestión realízase a través de composteiros, que as familias de Melide poden ter nas súas casas sempre que así o soliciten no Concello.

A campaña contou cunha moi boa resposta por parte da cidadanía, polo que a Concellaría de Medio Ambiente decidiu ampliar ata o 20 de febreiro o prazo para solicitar a participación nesta campaña de compostaxe caseira, ata entregarse a totalidade dos 50 composteiros adquiridos polo Concello. A participación do Concello nesta campaña foi posible ao abeiro das axudas da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para a realización de actividades de educación para a sustentabilidade.

O programa de compostaxe caseira consiste no reparto, instalación do composteiro, entrega dun manual elaborado por ADEGA e o seguemento mediante tres visitas ao longo de seis meses do proceso de compostaxe, obtendo o produto final, compost, que empregaremos como fertilizante orgánico. Nas visitas de seguemento, as educadoras ambientais de ADEGA respostan as preguntas e resolven as dúbidas que poidan xurdir, e expoñen ideas para optimizar o proceso. 

Unha vez finalizado o proceso de incrisción dos participantes, realízase unha primeira visita aos fogares nos que están instalados os composteiros, na cal se lles explica aos responsables dos composteiros todo o que deben facer para xestionar correctamente os seus residuos orgánicos. Aos composteiros pódense botar tanto restos da cociña como das hortas ou xardíns, que se irán desfacendo mediante o proceso da compostaxe para obter, tras seis meses aproximadamente, un compost que poderá ser empregado como abono de calidade nos seus cultivos hortícolas e ornamentais. Nesta visita farase entrega dun manual de compostaxe coas nocións básicas sobre o proceso e se irán resolvendo todalas dubidas que vaian xurdindo.

A compostaxe caseira ten demostrado ser un sistema eficiente para a xestión domiciliaria dos residuos orgánicos, polo que o concello beneficiase tanto ecolóxica como economicamente e cada día son máis as persoas e entidades que se interesan por este sistema de tratamento descentralizado dos residuos urbanos.

xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion