Concello de Melide

Comeza en Melide un programa de asesoramento xurídico e laboral a inmigrantes

31/01/2010

Cada primeiro luns de mes, ata o mes de xullo incluído, as persoas inmigrantes poderán recibir de xeito gratuíto este tipo de información no Centro Social de Melide. A iniciativa conta coa colaboración da ONG Ecos do Sur, encargada de dirixir estes encontros.

Melide está a ser, cada vez máis, punto de destino de moitos inmigrantes, que con frecuencia se atopan con moitos problemas para realizaren xestións administrativas cotiás.

O Concello de Melide, a través do apoio da ONG Ecos do Sur, experta en cooperación co Terceiro Mundo, desenvolverá un programa de asesoramento xurídico e laboral no que de xeito gratuíto poderán participar todos os inmigrantes que o desexen. Estas xornadas desenvolveranse cada primeiro luns de mes, dende este luns, 1 de febreiro, ata o primeiro luns de xullo, incluído, en horario de atención de 16 a 20 horas.

Dado que esta é unha actividade programada pola Concellaría de Benestar e Igualdade, será o Centro Social de Melide a instalación na que se realicen estes encontros abertos, e dos que a concelleira de Benestar, a nacionalista Casé Rodríguez, quixo destacar que “son totalmente abertos e gratuítos, e queremos que sirvan para facilitar a integración a reducir todo tipo de trabas, culturais, lingüísticas e sociais, coas que adoitan atoparse á súa chegada a un país alleo”.
xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion