
91 ALUMNOS E LISTA DE ESPERA
A pesar dos tempos de baixa natalidade, en Melide o uso da escola infantil está a ser requirido máis ca nunca polas familias, acadando o maior número de alumnos e alumnas dende que se puxo en funcionamento, no ano 1997.
Nestes momentos, a matrícula da escola municipal chega ata os 91 alumnos, e aínda hai lista de espera para poder facer uso do servizo. O concelleiro de Educación de Melide, Manuel Prado, destacaba que “os datos de récord de matrícula son o mellor aval de que se está prestando un bo servizo, e de que as familias de Melide teñen asegurada a calidade nunha prestación tan importante como é coidado dos fillos e fillas, que fai posible a conciliación entre a vida laboral e a profesional”.
En canto ao plantel de traballadores que presta os seus servizos na escola infantil, o Concello destacou tamén que “se están sobrepasando con creces os mínimos esixidos pola Xunta de Galicia en canto á ratio de coidadores por nenos, xa que nestes momentos hai dous traballadores máis dos esixidos, co cal se garante a calidade do servizo”.
Debido precisamente á lista de agarda que se está rexistrando nos últimos anos, o equipo de goberno iniciara co bipartito da Xunta o proxecto para a construción dunha Galescola en Melide. No Concello de Melide pode verse a maqueta desta instalación, que está pendente de que a Xunta de Galicia resolva os trámites administrativos necesarios para que comecen as obras.