Concello de Melide

30 DE XANEIRO: DÍA INTERNACIONAL DA PAZ

O cine antibélico centra en Melide as actividades do Día da Paz

28/01/2010
No IES proxectaranse catro “Curtas contra a guerra”, que serán comentadas por membros do Seminario Galego de Educación para a Paz. Ademais, pola tarde, no Multiusos, organizarase un contacontos musicado para todos os públicos.
O sábado 30 de xaneiro celébrase o Día Internacional da Paz. O Concello de Melide quixo adiantar esta celebración ao venres 29, para poder realizar nos centros de ensino da vila algunhas actividades coas que axudar a concienciar sobre os valores da paz e da convivencia.

Os máis madrugadores na programación de actos con este motivo serán os alumnos e profesores do IES Melide, onde dende as 9.30 h da mañá se proxectarán cinco curtametraxes contra a violencia. A compañía MrMisto é a encargada da proxección das películas, ás que define como “unha maneira de conxugar entretemento e reflexión nunha mesma sesión de 60 minutos”. O alumnado do IES que asistirá a esta actividade – en total uns 140 alumnos- será o de 1º de BACH na primeira quenda das 9.30h, e o de 4º de ESO na segunda, das 12.35h.

Entre os títulos seleccionados para esta sesión atópase unha cinta galega, Campás, unha de Euskadi –Pim,pam,pum-, de Italia –Mi Chiamo Seby- e unha de produción madrileña, Jingle Bells. Tralas proxeccións, ás que asistirá a concelleira de Cultura, Conchi Castro, Antonio Brea, membro do Seminario Galego da Educación para a paz e experto en cine comentará os títulos e a súa simboloxía para este día.

Para o público infantil

Para o público máis pequeno, o Concello de Melide organiza ás 17.30 horas, no Edifico Multiusos, un contacontos musicado titulado As árbores da paz, da compañía Touporroutou, á que poden asistir todos os nenos e nenas que o desexen con entrada libre.
xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion