MOCIDADE
Melide contará dende o primeiro sábado de xullo con cinco liñas do servizo de Noitebús, unha alternativa de transporte colectivo coa que se busca implicar á mocidade na seguridade viaria, deixando na casa os coches particulares nas noites de movida do verán. A poboación de Melide triplica o seu número na época estival, debido a turistas, visitantes e persoas que escollen este concello para pasar as súas vacacións. Entre eles, a mocidade representa unha porcentaxe moi elevada, que fai posible que Melide sexa no verán unha zona de marcha de referencia en toda Galiza.
Por este motivo, o Concello de Melide tramitou a posta en funcionamento deste servizo, que subvenciona a Consellaría de Política Territorial, e que ten como obxectivo ofrecer unha alternativa baseada na seguridade vial, que sirva para atallar a cifra de accidentes de tráfico que habitualmente, máis no época do verán, se producen nas noites da fin de semana.
A través da concellaría da Mocidade, que dirixe a nacionalista Anabel Ramos, deseñouse unha rede que dese cobertura a todo o territorio de Melide, tendo como prioridades as parroquias. Deste xeito, dúas das liñas que botarán a andar o vindeiro 5 de xullo cubrirán por un lado as parroquias sur (Maceda, Orois, Golán, Grobas, Baltar, Santalla, Vitiriz, O Barreiro, San Martiño, Campos, San Cosme e Moldes), e por outro lado as parroquias norte: Os Ánxeles, As Barreiras, Folladela, Gondollín, Santa María, Zas de Rei e As Cazallas.
As tres liñas de Noitebús restantes, comunicarán Boimorto /Melide /Lalín, Santiago /Melide /Lugo e Friol – Melide. A concelleira de Mocidade amosouse “satisfeita coa posta en funcionamento deste servizo, xa que se Melide triplica a súa poboación no verán é, en parte, polo movemento de xente nova que se achega a pasar na nosa vila estes meses de vacacións”.
Anabel Ramos tamén insistiu en que “é a primeira vez dende o Concello de Melide se solicita este servizo, polo que é unha oportunidade que non podemos perder para equiparar as zonas rurais coas urbanas e realizar unha vertebración igualitaria dos servizos sobre o territorio”.
O Noitebús foi posto en marcha pola Consellería de Política Territorial e Transportes no ano 2006, e este verán implantarase en Melide. A concelleira de Mocidade do Concello de Melide destacou que no deseño dos itinerarios das novas cinco liñas de Noitebús “intentamos chegar ao maior número de parroquias posible, reforzando especialmente as rutas nas fin de semana que se prevén de maiores desprazamentos nas liñas que comunican cos concellos lindeiros”. Deste xeito, as parroquias de Melide disporán do servizo de transporte nas fins de semana dende o mes de xullo ata setembro.
O Concello de Melide correrá co 10% do custo total desta iniciativa, e o resto será achegado pola Consellería de Política Territorial. O prezo do billete de ida e volta é de dous euros por usuario.
A fin de difundir este servizo e animar á veciñanza a empregalo, o Concello de Melide realizará unha campaña informativa en todas as parroquias e tamén nos vindeiros días a través desta páxina web, informando sobre os horarios e as paradas que realizará o Noitebús.